Recoméndovos que o vexades, non ten desperdicio ningún. Chámase "The people vs the school system", de Prince Ea. Déixovos aquí o enlace ao vídeo subtitulado en español para que lle poidades botar un ollo.
https://youtu.be/G0Ece11tlvU 💡
Ademais de concienciar ás persoas sobre a situación do actual sistema educativo e de como se debería reformar, faino de forma creativa. Recrea, utilizando as rimas, un xuízo no que el mesmo testifica contra os colexios. Critícaos por non ser capaces de cambiar algúns métodos aínda que a situación (o tempo) o esixa, e pola presión que crea nos nenos/as competir polas mellores cualificacións.
Afirma que é necesario modificar a actual disposición das aulas (maxistrais) onde o profesorado debe (por imposición das leis) dar unha clase a máis de 20 alumnos/as, sendo cada un/unha deles/as completamente diferente e cunhas necesidades e habilidades distintas (intelixencias múltiples) ao resto. Pero na escola só a intelixencia lóxico-matemática é considerada relevante, provocando así no alumnado a crenza de que son inferiores por non alcanzar os niveis desexados.
Na miña opinión, deberíanse fomentar as diferentes intelixencias múltiples porque cada neno/a ten unhas habilidades e capacidades que quizais non coincidan co compañeiro/a do lado.
A Luis pódeselle dar moi ben tocar varios instrumentos e a María os deportes. Isto non quere dicir que María sexa mellor que Luis nin viceversa, simplemente non son actividades equiparables. As intelixencias non teñen unha gradación, é dicir, unha persoa pode destacar nunha ou varias intelixencias pero outra a pode superar noutra/s.
Esta aplicación práctica na aula tería grandes vantaxes, tanto no alumnado como na sociedade, polo que deberiamos reformularnos moitas cuestións para poder mellorar así o mundo.🌍
Por: Inés Fernández Prieto
No hay comentarios:
Publicar un comentario